O día 27 de outubro, obradoiros de baile no CENIMA!

O día 27 de outubro, venres, haberá dous obradoiros de baile conducidos por Carme Campo e Chus Caramés. Son actividades gratuítas e abertas a todo o mundo! Aquí vos deixamos a información.

¡Un par de avisos! No primeiro envío do cartel ía un erro nos horarios, xa que os obradoiros van seguidos para favorecer a conciliación. As persoas pequenas terán o seu espazo de xogo e entretemento con Bea Salvador de 18:00 a 19:15, namentras as maiores temos a primeira parte do obradoiro. Ás 19:15 xuntámonos todas, grandes e pequenas, para bailar ata as 20:00 horas.

Ademais, queremos comentarvos que Carme Campo, Chus Caramés e Bea Salvador agradecerán unha orientación do número de persoas pequenas e das idades, para preparar mellor os obradoiros. É por iso que vos pedimos que, se ides asistir, nos avisedes en persoa ou no correo afaceipcantel@gmail.com.

Obradoiro para persoas adultas: Bailar canda os tempos

Día 27 de outubro, de 18:00 a 19:15 horas.

Este obradoiro está destinado a persoas adultas vinculadas á educación regrada, informal ou doméstica. Non se requiren coñecementos previos.

Neste obradoiro coñeceremos cales son as dinámicas e códigos que se dan no baile tradicional tal e como nolo transmitiron as persoas vellas, portadoras deste rico e vivo ben patrimonial. A partir delas, aprenderemos un feixiño de pasos para nos poder iniciar nel e exploraremos as súas aplicacións educativas, tanto na aula coma no tempo de lecer, ao tempo que poñemos un ollo no que transmitimos ao bailar.

Obradoiro de conciliación paralelo, na mesma ubicación.

Obradoiro para público familiar: Na punta do pé

Día 27 de outubro, de 19:15 a 20:00 horas.

Este obradoiro realizarase a continuación do anterior e está destinado a público familiar (a partir de 4 anos).

Trátase dunha sesión interxeracional de xogos bailados tradicionais galegos na que vivenciar as potencialidades lúdicas e educativas deste tipo de manifestación do noso patrimonio cultural inmaterial.

Acerca de Carme Campo e Chus Caramés

Corría o ano 1986 cando Carme Campo e Chus Caramés comezaron a formarse no baile tradicional á idade de catro aniños nas agrupacións das súas vilas natais, Porriño e A Bandeira, e vinte anos despois, nos que non deixaron de bailar, os seus camiños confluíron na agrupación Brincadeira de Compostela.

Alén da súa formación en diferentes agrupacións e cursos monográficos, a súa maior aprendizaxe vén dada da man das persoas vellas que atesouran o noso patrimonio cultural inmaterial, e tamén de compartir puntos e voltas nas foliadas que se organizan polo País adiante.

Ademais de alumnas son mestras. Regularmente imparten aulas en asociacións culturais compostelás, como A Gentalha do Pichel e Itaca, mais tamén teñen impartido cursos en diferentes puntos da xeografía galega, así como en Portugal, Grecia ou Italia.

O seu compromiso co baile lévaas a organizar xornadas, exposicións ou festivais onde se poña en valor todo o seu potencial. Póñanse por exemplo os Encontros de Música Tradicional de Carboeiro ou a programación de actividades da Gentalha do Pichel.

Nas súas profesións o baile tamén está presente. Ambas son educadoras no ámbito da educación non formal, onde exploran as potencialidades educativas do mesmo e o seu uso como recurso didáctico é unha constante.

Queredes asistir?

Enviade un correo a afaceipcantel@gmail.com ou comunicádevos coa AFA, e dicídenos cantas persoas sodes e de que idades. Así, Carme Campo, Chus Caramés e Bea Salvador poderán ter unha orientación sobre a xente que asistirá.

O venres 27, vide ao CENIMA puntualmente. Os obradoiros son gratuítos, polo que só necesitaredes roupa cómoda e ganas de divertirvos!