Xornadas corresponsables: Onde urxe a corresponsabilidade?

Este ano volvemos organizar as xornadas sobre corresponsabilidade. Preguntámonos en que áreas da nosa vida urxe ser corresponsables, e as persoas que nos van axudar a reflexionar sobre as respostas son Yolanda Suárez, Enrique Latorre e Yasmina Martins.

Estarán con nós os días 11, 18 e 25 de novembro, de 12:00 a 13:30 horas, na cervexaría Augas Santas, en Foz.

Nesta ocasión tamén contamos con sesións paralelas de conciliación para a xente pequena. Estas terán lugar no Centro Social de Foz, na 4º planta, de 11:30 a 14:00. A continuación contámosvos toda a información sobre cada unha das charlas. Gardádelles un oco na vosa axenda das fins de semana de novembro, pagará a pena!

Parolas a debate: ONDE URXE A CORRESPONSABILIDADE?

Na etapa perinatal. Yolanda Suárez (día 11 de novembro)

A violencia obstétrica é utnha das diversas realidades que aínda continúan castigando ás mulleres na sociedade actual. Trátase dun problema que durante anos foi normalizado é silenciado. As orixes da mesma podemos atopalas nas raíces patriarcais de moitas prácticas médicas aínda vixentes.

É precisamente a través de estereotipos de xénero e de contextos patriarcais, aínda existentes no el imaxinario social, que esta violencia persiste ata os nosos días, oprimindo ás mulleres na etapa perinatal.

Esta realidade ten profundos impactos tanto durante o embarazo e o parto, coma durante as primeiras etapas da crianza. En todas elas o papel da parella da xestante pode ser determinante, tanto na prevención desta, como para evitala activamente ou, en caso de que aconteza, axudar á mai a recuperarse do evento, minimizando o impacto psicolóxico e contribuíndo á saúde do vínculo materno-filial.

A fin do anterior faise imperativo levar a cabo programas de divulgación e educación, co obxectivo de lograr que as/os proxenitores sexan conscientes desta realidade. Igualmente trataremos de aportar ferramentas para enfrontarse a mesma, para coñecer e evitar os seus múltiples efectos negativos na primeira etapa da crianza, fomentando conductas de soporte e resiliencia que empoderen ás/ós proxenitores e lles axuden a apoiarse nesta etapa.

Colectivizar os coidados. Aportes dende as disidencias sexuais e de xénero. Enrique Latorre Ruiz (día 18 de novembro)

Que son as disidencias sexuais e de xénero? Que aprendizaxes podemos obter das estratexias de resistencia dos movementos emancipatorios LGBTI? Que novas reflexións en termos de coidados emerxen do recoñecemento da diversidade sexual e de xénero?

A través destas preguntas, este coloquio expón unha aproximación aos principais argumentos e debates contemporáneos sobre xénero, corporalidade e inxustiza epistémica a través do cuestionamiento do modelo vixente de educación sexual.

Enrique Latorre-Ruiz é licenciado en Filosofía e Máster en Lóxica e Filosofía da Ciencia. Dr. en Filosofía da Ciencia pola Universidade de Santiago de Compostela, onde actualmente traballa como docente do departamento de filosofía e antropoloxía compaxinando esta tarefa coa investigación no grupo de tecnoloxía educativa Tecnoeduc. Os seus intereses céntranse nos estudos feministas da ciencia e a tecnoloxía, as epistemoloxías feministas e queer e a filosofía da medicina. Entre as súas últimas publicacións destaca a elaboración do informe resultado de foro de identidades e disidencias sexuais do Consello da Cultura Galega titulado “Análise, datos e recomendacións para o recoñecemento da diversidade en Galicia”, e a participación na obra colectiva “Enciclopedia crítica de género” publicada por Arpa editorial.

A amar tamén se aprende. Yasmina Martins (25 de novembro)

A construción do binarismo de xénero prodúcese dende antes do nacemento. Dende o momento no que se sabe que vai nacer un bebé, comezan esas construcións conscientes ou inconscientes sobre a cor da habitación do bebé, a roupa coa que se vai a vestir, xoguetes, etc., e en función da categoría biolóxica do sexo adxudícaselle un xénero (feminino ou masculino) á persoa que está por nacer. O feminino e masculino convértense en desigualdades e xerarquías sociais que dan lugar a mandatos culturais patriarcais, un sistema de organización social no que a supremacía pertence o masculino.

É importante que falemos do amor e de como este se constrúe nos primeiros vínculos, dende a infancia ata a adolescencia. E para falar destas primeiras construcións temos que deternos a falar dos mitos do amor romántico, os cales, dunha forma ou outra perséguennos por diferentes medios e, en moitos casos, se converten nun dos factores claves que participan na violencia de xénero.