O 21 de novembro falamos sobre identidades non normativas

Este obradoiro terá lugar o martes, 21 de novembro, ás 16:00 horas, no salón de actos do CEIP O Cantel (Aviso: inicialmente comunicouse, por erro, que este obradoiro sería o luns 20. A data correcta é o martes 21).

Estará guiado por Maria Rosendo Priego (na imaxe), e nel indagaremos arredor diversidade de xénero e o sistema sexo-xénero, a construción da identidade e as identidades non normativas.

Animádevos a acudir a esta actividade! Un espazo no que pór en común retos, dificultades, medos, límites e alternativas, no que poder escoitar a todas as partes (familias, acompañantes e profesorado) de cara a buscar sinerxias ou camiños comúns.

Maria Rosendo di:

Apaixónanme os grupos como sistemas vivos que son e a diversidade e riqueza que neles podemos atopar. Gústame acompañar procesos complexos e momentos difíciles, e honrar as vulnerabilidades e as marxes que todes levamos dentro.

Nacín en Vigo fai 39 anos. Moito do que sou é grazas ás miñas avoas, a historia do meu territorio, ao feminismo autónomo, os CSOA, a facilitación de grupos e o traballo de procesos. Acompaño persoas e grupos desde a metodoloxía de Trabajo de Procesos e desde unha mirada ecotransfeminista do mundo.

Fago parte da colectiva de facilitación e investigación transfeminista Subúrbia, desde a que temos acompañado procesos de grupos moi diversos. Sou educadora social, máster en xénero,diplomada en Psicoloxía Orientada a Procesos e facilitadora de grupos acreditada polo IIFACe.
Para alén, tamén xogo coa cerámica, a escrita, a horta e os animais.

Desde o ano 2019 acompáñame na vida unha enfermedade ambiental e grazas a ela a miña mirada e a miña luita ecoloxista é máis activa e consciente. Nos últimos tempos, capacitismo, diversidade e ecoloxía son lugares onde poño o foco á hora de traballar, de relacionarme, de habitar; desde a profunda vontade de implicarme para cocrear espazos e ecosistemas máis sostibles para todes.

Creo profundamente no potencial transformador das persoas e do conflicto e as crises, como ferramentas de crecemento e chaves para o cambio social.

Queres asistir?

Para participar neste obradoiro é preciso inscribirse previamente antes do luns, 13 de novembro. Envía un correo a afaceipcantel@gmail.com.