Que fixemos no curso 2022-2023?

Como nas carreiras de remudas; finalizado o pasado curso collemos a testemuña do anterior equipo e continuamos correndo neste reto común que temos.

Comezamos o curso 22/23 abrindo “A madrugar!”, un servizo de conciliación que xa se viña cociñando con anterioridade e nós puxemos a funcionar.

En setembro desexámoslle a toda a comunidade educativa que non perdese –que non perdamos– o rego. Así chegaron as axendas escolares, que nin estiveron no debido tempo nin como dende a AFA queriamos, pero con moito esforzo conseguimos que acabaran chegando. E ensináronnos algo: hai que lidar co que temos en cada momento, aceptar as circunstancias e con humildade e confianza exercer a responsabilidade e ir facendo o traballo.

Cada mes do curso decoramos a entrada da escola polo corredor xunto ao comedor, a entrada de Infantil, co seu calendario, os eventos correspondentes e os taboleiros ben engalanados.

Imaxe do primeiro mercadiño solidario O Cantel Liberando

O 22 de setembro convidamos a toda a comunidade educativa a meter o seu coche no peto, deixar os fumes na casa e probar a achegármonos á escola doutro xeito. Ás 8:00 da mañá parecía que a convocatoria fora un éxito rotundo. A medida que foi medrando o día xa quedou claro que o éxito real fora moito máis pequeno. Tamén algo aprendemos.

Quixemos renomearnos como AFA, asociación de familias do alumnado, porque aceptar e visibilizar a diversidade é fundamental para nós. Deseñamos un programa de actividades regulares buscando a diversidade e querendo ofrecer para as familias un servizo de conciliación durante as tardes. “As tardes no Cantel” presentou un total de 21 actividades das que conseguimos sacar adiante 9 e rematamos o curso con 8.

Chegou o outono e convocamos a participar ás familias na festa do magosto. Vencellamos esta festa do outono con tradicións doutras culturas e en coordinación co profesorado armamos un altar mexicano propio das celebracións destas datas. No traballo desta festa participaron avoas e avós, tíos e tías, nais e pais. Trouxemos xogos populares, con xenerosidade cedidos por “Con Sentidiño”, tivemos música e sorteamos unha cesta na que participaron unha chea de establecementos da vila. Agora o Cantel ten un tambor de asar castañas,… e ben ricas que estaban! Unha alegría de festa.

Por volta do outono iniciamos un proxecto de animación á lectura para as familias. “Montes de Contos” trouxo á Biblioteca do Cantel cada mércores á tarde historias fascinantes e aventuras que as acompañaban. Contou xente grandiña e mais a xente pequena, participaron nais, pais, tías, avós e avoas. En cada sesión fomos gozando do agasallo que cada historia nos deixaba.

Nun domingo de comezos de outubro tivemos o “1º Mercadiño Solidario e de 2ª mao – O Cantel Liberando”. Foi unha xornada con libros, xogos e xoguetes, con petiscos, con música en directo a cargo da Escola de Música de Foz e coa poxa dun circuíto termal. O Cantel Liberando conseguiu un bo lote de cousas para o Banco de Alimentos de Foz.

De outubro a decembro desenvolvéronse en horario lectivo e coa participación do profesorado as actividades concedidas polo programa “Da escola á granxa” da Área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Un total de 8 visitas a granxas da nosa provincia que proporcionaron aprendizaxes e experiencias importantes. Profesionais ambientais da ADEGA viñeron á escola realizar 6 obradoiros ambientais diferentes, cada un escollido para un nivel da Primaria. Moi ao noso pesar estas axudas non contemplan o acceso para o ciclo de Infantil.

En outubro celebramos de xeito especial e en coordinación co profesorado o día internacional da saúde mental.

Así fomos achegándonos a decembro. A entrada de Infantil encheuse de bolboretas creadas por cada familia para celebrar o día internacional das persoas con “DI CAPACIDADE”.

Creamos un Calendario do Solsticio de Inverno co que interaccionaron todas as unidades da escola, o profesorado e o persoal non docente. Organizamos o 1º mercado artesanal “Inverno a mao”, no que participaron artesás de toda a comarca e para o que contamos de novo coa música en directo da man xenerosa da ESMU de Foz. A escritora Xiana Arias creou un texto para esta 1ª edición do mercado. De novo acadamos unha boa recollida de material para o Banco de Alimentos.

Sacamos adiante un ciclo de formación para familias e profesorado: “Da Igualdade á Corresponsabilidade”, financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade en desenvolvemento do Plan Corresponsables. No noso empeño por conseguir un chisco máis de participación das familias decidimos organizar este ciclo fóra dos espazos da escola e dotalo dunhas sesións paralelas de conciliación. Foron tres xornadas excelentes guiadas por Ramón Torrente, Aixa Permuy e Jorge García Marín.

O 20 de decembro nove fantásticas personaxes do inverno visitaron a escola e ofreceron un pequeno espectáculo en dous pases para deleite de todos os cursos.

Comezou o 2023, reanudáronse as sesións de Montes de Contos e de seguido chegou a seguinte xornada de formación. Da man de “Quérote +” tivemos no salón de actos da escola unha tarde de formación en “Educación emocional e sexual na familia”. Este obradoiro contou tamén coa súa sesión paralela de conciliación.

En febreiro chegou o entroido. En coordinación co profesorado e coa participación de todos os cursos fixemos unha “Meca” (no canto dun Meco), con vontade de reusar e reciclar. O venres de entroido toda a escola vibrou ao ritmo de “Ruxe Ruxe”, “Malo Será” e “Farangullas”, tres charangas da vila que tocaron excepcionalmente xuntas.

A mediados de abril organizamos a “Festa do 15 – Primavera Hippie”. Tivemos xogos en familia, unha furgo hippie de photocall, petiscos e batidos, obradoiro e espectáculo de circo, concerto da aula de música moderna da ESMU e sorteo de 2 programas de spa.

Coa entrada do mes seguinte organizamos en coordinación co profesorado a Festa dos Maios. Cada familia recolleu o seu verde e as súas flores e leváronas á escola. Alí tiñamos xa a estrutura de madeira para crear un maio figurado. Quedou un maio ben engalanado ao que a escola lle foi cantando. Entre familias de todos os cursos creamos tamén coplas para cantar os maios e, fóra do horario lectivo, organizamos un obradoiro no que puidemos aprender a cantalas acompañádoas con varios instrumentos.

Dende o profesorado da escola organizouse un Obradoiro de Educación Nutricional “Todo o mundo á mesa” no que convidaron a participar a toda a xente adulta da comunidade. O obradoiro impartiuno Olga R. Comí. Dende a AFA organizáronse sesións paralelas de conciliación, nas que a xente pequena aprendeu e xogou arredor da nutrición.

Ao longo de todo o curso fomos traballando na recuperación do invernadoiro e na creación de bancais para a horta escolar do Cantel. Xa se recolleron leitugas, amorodos e patacas.

Dende o inicio mesmo do curso animamos e apoiamos a solicitude de dous programas do Plan Proxecta: Escolas Verdes e Meteoescolas.

O Cantel conta coa súa Estación Metereolóxica en funcionamento e fanse medicións diarias.

Así mesmo unha artista e nai do Cantel coordinou coa escola a creación dun arco da vella con refráns metereolóxicos.

Dentro do programa “Donas de si” impulsamos un proxecto de formación en dúas sesións coordinadas pola investigadora Mónica Ferrín Pereira.

No remate deste curso o ciclo de Infantil gozou dun obradoiro de música da man de Branca Villares e través de FAPACEL.

As actividades das Tardes no Cantel presentaron os seus traballos de remate do curso o venres 9 de xuño.

O domingo 11 de xuño realizamos a 1ª andaina en familia por Santo Estevo do Ermo.

E como remate do curso, o día 21: Fin de Festa!

Collemos a testemuña con esta vontade, e aínda que a carreira non é doada, con ela seguimos:
O Cantel é un centro que precisa ampliar a participación familiar.

A implicación das familias do centro artéllase a través de Brigadas. As brigadas son equipos mixtos nos que participan coordinadamente as familias e o profesorado. Hai unha brigada para cada unha de vós. A túa participación é fundamental.

As portas están abertas; remata un curso, comeza un novo reto!

[Texto publicado no xornal do colexio]